Colexio de San Clemente

O COLEXIO DE SAN CLEMENTE DE PASANTES

 

        O perfil relixioso que a cidade de Santiago ofrece ata a fundación da Universidade reloce na escuridade; os coidados prestados aos peregrinos son os distintivos que a singularizan respecto a calquera outra urbe medieval; o sinal da relixiosidade practicada neste santuario occidental é o servizo prestado, precisamente por razóns de caridade fraterna, aos que ata aquí camiñan; deseñada en círculos concéntricos cuxo epicentro sitúan no sarcófago do Fillo do Zebedeo, recibe un novo eixo de coordenadas cando Alonso de Fonseca decide fundar un centro de estudos destinado á mellor formación dos clérigos, precisamente nun momento no que tanto as peregrinacións coma o espírito relixioso medievais perden o pulo que noutrora fortaleceran o ánimo dos cristiáns cando o Islam asolaba os vales do norte hispánico.


        Fundada a Universidade, axiña aparecen outras construcións e institucións como complementos necesarios daquela. Todas elas forman un conxunto que ten como denominador común cooperar na transmisión do saber e na boa práctica do labor docente. Unhas e outras responden ás decretais do Concilio de Trento que urxe ás igrexas locais –sés episcopais– a fundaren centros de formación para o clero diocesano. Polo que se refire á identidade do Colexio San Clemente, os trazos distintivos son, se cabe, máis obvios aínda: fundado por don Juan de San Clemente y Torquemada, oriúndo de Córdoba e bispo da diócese de Ourense no momento de ser nomeado arcebispo da sé compostelá, o novo arcebispo recibe do Papa Clemente VIII autorización para testar e destinar 30.000 ducados á fundación dun seminario ou colexio. Xunto a Santiago, Alcalá, Córdoba ou Salamanca serán as cidades posibles indicadas polo testador para proceder á construción do correspondente edificio; de faltar el, Juan de Landeras sería o testamenteiro encargado de que a vontade do fundador se cumpra.

        Mortos ou ausentes os clérigos directamente relacionados coa acta fundacional, a obra queda nas mans de don Pedro Sanz del Castillo, responsable último da definitiva colocación do edificio en Compostela. El é o verdadeiro pai espiritual da nova casa, quen, en lembranza do profundo amor profesado polo Arcebispo para coa cidade, xamais dubidou en colocar en Santiago o colexio que o testador mandara construír.


        Na cidade do Apóstolo, pois, o Concilio de Trento e a vontade de Juan de San Clemente cúmprense conxuntamente na edificación do Colexio de San Clemente “no que se instruirán e formarán os mancebos estudantes para que aproveitaren e brillaren en virtude e saberes”. Na documentación referida ao novo centro de instrución para clérigos sempre figura o apelativo de “pasantes”. É a expresión da especificidade propia dentro do organigrama formativo que a Universidade lle atribúe. En efecto, o Colexio de San Clemente só admitía clérigos seculares cos estudos regrados xa rematados (postgrao), mentres no de Fonseca cursaban os teólogos e no de San Xerome facíano os filósofos. Nos últimos lustros do século XVIII coinciden o ocaso desta institución docente co da Universidade e resto de centros auxiliares creados arredor da “alma mater”. Coa chegada das tropas francesas a Compostela, o edificio San Clemente convértese en cuartel xeral dun exército maioritariamente anticlerical: queiman a biblioteca, inutilizan o arquivo, espolian todo obxecto de valor e o edificio deixa de ser de pasantes e pasa a ser de ocupantes estranxeiros. Paradoxalmente tanto a finalidade coma os medios que don Juan de San Clemente pensara e destinara para a súa función quedan reducidos a pura nada. Os propósitos fundacionais desaparecen de calquera actividade e función realizadas dentro das paredes dese singular edificio.


        Si permanece na súa orixinaria estrutura o edificio que, sucesivamente, vai sendo ocupado ao largo dos dous últimos séculos polo Exército (Colexio de Cadetes e Batallón de Santiago), Igrexa (Seminario Conciliar), Institucións sociais (sede da Sociedade Económica de Amigos del País) e autonómicas (IES Rosalía de Castro).

 

ASENTAMENTO, MESTRE DE OBRAS E PROXECTO


Asentamento.        Os terreos elixidos para construír o edificio están situados extramuros da cidade, moi próximos ao paseo da Ferradura e da carballeira de Santa Susana. Unha grande explanada de 6000 m2, rodea e prolonga cara ao norte o promontorio que se levanta na zona das Hortas. Boa parte desa extensión servirá de solar para o novo edificio que hoxe podemos contemplar nas coordenadas 42º52´39” latitude N., 4º 51¨32” lonxitude O.


Mestre de obras.        Poucos e pouco precisos son os documentos que temos á man para reconstruírmos tanto avatar sufrido polos distintos mestres de obras e, mesmamente, polos que deseñaron os planos que aqueles debían seguir. A primeira noticia escrita sobre o supradito colexio achámola datada no ano 1607 cando o escribán refire “o que deica agora está feito do colexio, coa horta, xardíns e fontes, é obra dun gran príncipe”2. En 1609 encontramos citado polo seu nome propio a un mestre de obras, Jácome O Colexio San Clemente de Pasantes Fernández, dirixindo os labores de edificación e, sobre todo, rexistrado o orgullo que para este mestre supón figurar nos documentos co título de “mestre de obras do colexio de San Clemente”. Título que, pola contra, nunca aparece rexistrado cando se fala das obras da catedral, sabendo, por outro lado, que esa mesma persoa tamén era mestre de obras na catedral. Só o mestre de San Clemente merece os honores de figurar nas memorias escritas ademais de dispor dunha ben ampla horta e dunha casa para toda a súa familia dentro do recinto do colexio. Entre os anos 1609 e 1619 figura como aparellador Leonel de Aballe quen, morto Jácome Fernández, pasa a desempeñar o cargo de mestre na dirección das obras.

Proxecto.         Quen imaxinou o edificio de “Pasantes”? A falta de datos directos, só nos queda facer hipóteses máis ou menos probables. Segundo Bonet Correa3, o autor sería Ginés Martínez de Aranda, arquitecto do arcebispo Maximiliano de Austria e membro preeminente do seu séquito, quen arribou no ano 1603. Como probas para tal suposto achega as semellanzas entre o plano do edificio santiagués e o do hospital de Santiago de Úbeda, de Andrés de Vandelvira, ademais de diversos elementos das respectivas portadas que son propios do modelo utilizado pola escola granadino-xienense. A hipótese de Bonet foi aceptada durante moito tempo por estudosos do tema coma Rosende Valdés e Valle Pérez. En 1991, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Mª Dolores Vila Jato, propón a tese de que os autores dos planos foron o mesmo Jácome Fernández e o arquitecto portugués Mateo López, este de total confianza para Juan de San Clemente e mestre, á súa vez, de Jácome Fernández.


        Os argumentos veñen todos da banda das semellanzas entre as fachadas do colexio de San Clemente e a Colexiata de Santiago de Cangas, na que, de certo, traballou Jácome Fernández, así coma dos parecidos cun amplo grupo de fachadas-retábulos no que traballou o equipo de escultores dirixido polo portugués. As similitudes entre as fachadas deseñadas polo arquitecto Mateo López coa do Colexio de “Pasantes”, engadidas ao papel de factótum desempeñado por Jácome Fernández na execución concreta das obras planeadas polo seu mestre, fan desta hipótese a máis probable.


        Non esquece a profesora Vila Jato a obriga de todo bo investigador: probar as propias afirmacións e refutar as que considera erróneas. A rebater a tese de Bonet Correa dedica unha presada de razóns. Son estas: a proba achegada –plano cadrado con patio interior semellante ás construcións civís andaluzas– nada proba, porque tamén pode tratarse dun plano que segue o modelo do Colexio Fonseca –igualmente cadrado con patio interior– máis próximo no espazo cós andaluces. Polo demais, tamén puido ocorrer que o fundador do Colexio de San Clemente quixer “imitar na fachada, a portada do Colexio Fonseca, símbolo da fundación da Universidade compostelá e do seu promotor, o arcebispo don Alonso III. Quizais nunha arroutada por imitar ao mecenas do renacemento santiagués, don Juan cavilou na forma de permanecer vivo na memoria do pobo e pensou nun recordatorio idóneo: copiar na fachada da súa fundación un retábulo cun desenvolvemento iconográfico no que o propio escudo fora o eixe principal de toda a composición”.



        Nesa mesma liña argumental, prosegue Ana Goy amoreando probas a favor da autoría de Jácome Fernández e, tamén, recalcando as razóns en contra da tese de Bonet Correa. O resultado final é que a hipótese deste último nin sequera pode cualificarse de probable. Nada, tanto para a profesora Vila Jato coma para Ana Goy Diz dá soporte racional á tese de Ginés Martínez de Aranda como autor do proxecto do Colexio de “Pasantes” de San Clemente.

A CONSTRUCIÓN

        Tres son as etapas que podemos distinguir na construción do nomeado edificio: 1) Inicial (1605- 1609). Nesta etapa destacan a realización da fonte e da explanada. 2) Etapa de Jácome Fernández (1609-1618). É a máis importante. 3) Etapa de Leonel de Aballe (1619-1635). Ao morrer este no ano 1629, sucédelle Juan Vidal ao fronte do proxecto ata 1635, ano no que se elaboran as Constitucións e o Colexio empeza a funcionar como tal.


DESCRIPCIÓN DO EDIFICIO

 

        O edificio é de planta cadrada, de dous pisos cun grande patio no centro, ao redor están distribuídos os espazos necesarios para o exercicio da docencia e para a ordenación da vida estudantil. Da repartición interior do Colexio só resta a escaleira, o demais foise perdendo nas distintas transformacións e adaptacións, segundo os usos diversos aos que estivo destinado. A escaleira repite a do claustro procesional do mosteiro de Celanova (Ourense), onde Mateo López, mestre de Jácome Fernández, traballara. Franqueada a porta de entrada, éntrase nunha estancia ampla, cadrada, que fai de distribuidor. As portas están fronte por fronte unhas das outras, podendo verse o patio desde a rúa e viceversa. Á dereita estaba situada a capela e á esquerda o espazo destinado para actos literarios7. Desta maneira, a capela mantén a dirección leste-oeste coma nas igrexas cristiás e reproduce o mesmo esquema do Colexio Fonseca. Da bóveda  orixinal desta capela hoxe nada se conserva.


        A ala dereita do edificio estaba dedicada a refectorio. Na do norte estaban as cociñas e os espazos destinados a almacén. Na parte central, onde Bonet Correa di que estaba a capela,  dispoñíanse as adegas, despensas e saída para a horta, currais e cortes dos cabalos, aproximadamente nos mesmos sitios que hoxe ocupan o polideportivo do IES Rosalía de Castro e aparcadoiro subterráneo de San Clemente. O conxunto estaba cercado por un muro de pedra asentada en masa de recebo; actualmente aínda se conserva na costa de San Clemente unha portada de servizo e no lintel gravado, e ben á vista, o escudo do fundador. No sobrado, estaban as habitacións dos colexiais, a cámara, o salón reitoral e maila biblioteca. Das catro fachadas, tres son de perpiaño revocado en cal e unha, a principal, de cantería asentada.

        Todo o muro é moi sobrio, dominado polo ritmo horizontal da sucesión de fiestras en dous corpos, separados por unha sinxela moldura. No centro atópase a portada, formada por dúas ordes superpostas de columnas emparelladas, dóricas no corpo inferior e compostas no superior; teñen, asemade, o terzo Escudo de San Clemente sobre a porta de servizo aberta no muro  occidental inferior de fuste tallado con motivos florais e estriado o resto. Ámbalas dúas ordes érguense sobre altos plintos decorados con motivos xeométricos e están separadas por unha cornixa. O friso da cornixa ten ménsulas en vez de triglifos e pequenos resaltes cadrados en lugar de métopas. No primeiro corpo, entre os intercolumnios hai nichos para esculturas rematados por un frontón triangular.

        No segundo corpo repítese a estrutura do primeiro, agás no centro, onde se sitúa unha grade ventá rectangular con balcón de ferro rematado por un frontón curvo fendido polo escudo do arcebispo San Clemente. Enriba deste, o cornixamento e mailo frontón triangular con pináculo rematados en bóla que denotan a influencia de modelos casteláns, en concreto do Escorial. Bonet Correa8 considera esta portada coma unha obra sobria e elegante que lle dá medida e proporción aos descarnados muros da fachada; relaciónaa con modelos galegos anteriores como a fachada do Colexio Fonseca, a Colexiata de Cangas e San Martiño Pinario. Vila Jato9 tamén sostén a relación coas portadas de Cangas e Fonseca, aínda que o tempo transcorrido entre unha e as outras determine que a ornamentación sexa diferente e, mesmo, que a de San Clemente destaque pola súa solemnidade romana. Pero a tese máis probable, tal cavila a citada profesora, é a xa apuntada: don Juan de San Clemente ou os seus testamenteiros buscaron emular na fachada a portada do Colexio Fonseca, ao cabo o símbolo indiscutible da Universidade de Santiago e  recordo visible do seu fundador.

        O edificio no seu conxunto está centrado por un patio cadrado de grandes dimensións, de sete tramos por lado e dúas plantas. O andar inferior ten os arcos de medio punto rebaixados e os tramos están organizados por un xogo de dobres pilastras toscanas que se elevan sobre plintos decorados con motivos xeométricos; nos interpiares hai paneis co mesmo tipo de  ornamentación. O andar superior repite a mesma estrutura excepto os vans que son rectangulares e en cada terceiro interpiar, comezando polos ángulos, están colocadas as armas do tantas veces nomeado arcebispo.

        Ao igual que na fachada existen arcos no primeiro corpo e vans-balcóns no segundo. Este tipo de claustro difire da tipoloxía habitual ata o daquela; que a planta inferior se abra por arcos separados por piares e columnas é algo novo na arquitectura da época; o Barroco consagrará definitivamente esta alternancia entre materia e oco, van e sólido. Finalmente, ao falar do Colexio de San Clemente tamén debemos dicir algo sobre un elemento accesorio mais non secundario: é a fonte que hoxe está na Alameda e sempre estivo fóra do recinto colexial.
Por que a situaron fóra? Porque o concello no documento de concesión de auga esixe que a fonte servira tamén para servizo público dos veciños “de las faxeiras y los peregrinos” que chegaran á cidade. Foi costeada con cargo á tantas veces aquí nomeada Fundación e motivada porque, malia á abundancia de auga na zona das hortas, dentro do recinto escolar non lles chegaba a dos pozos e fontes propios. A fonte na súa primeira ubicación, diante da fachada do Colexio de San Clemente.

        Pola feitura está na liña da tipoloxía portuguesa de chafariz, modelo introducido en Galicia por João Lopes a partir do patrón creado por Mateo López. Jácome Fernández realiza unha fonte monumental cunha ampla pía para a auga estancada. Do medio emerxe un pedestal cúbico que fai de base a un piar decorado con motivos vexetais e rematado nunha grande cunca, en forma  de copa de beber.

        Na decoración son perceptibles a cruz, o castelo e maila áncora, símbolos arcebispais que tamén se repiten na fachada do edificio. Outra volta, rematando o conxunto aparecen a alcachofa e maila bóla.

Boletín de Novas

Suscríbete ao noso boletín de novas e mantente informado ao momento.

Contacta con nós

Nuestros datos de contacto son los siguientes:.

O Rosalía nas Redes Sociais

Estamos en las redes sociales. Síguenos!.
Vostede está aquí: Inicio Centro EDIFICIO Colegio de San Clemente