PREMIO STEPHEN HAWKING

O día 22 de xuño de 2016 presentouse en roda de prensa a primeira actuación deste proxecto coa participación de Ignacio Martínez Mendizabal, coordinador do Proxecto cos representantes dos 5 Institutos participantes:  Instituto Xelmírez I de Santiago, Instituto Pintor Colmeiro de Silleda, Instituto A Pinguela de Monforte, Instituto Eduardo Blanco Amor de Ourense e Instituto Rosalía de Castro de Santiago.

No minuto 47 do seguinte audio é unha entrevista a Charo G. Echave e Ignacio Martínez de Mendizabal en Radio Galicia

http://play.cadenaser.com/audio/ser_galicia_hoyporhoysantiago_20160624_123000_133000/

BASES DO PREMIO:

O Premio Stephen Hawking contempla a realización de traballos orixinais de investigación (básica, aplicada) ou de divulgación, realizados por alumnos e alumnas de Ensinanza Secundaria e Bacharelato, relacionados co tema de carácter científico que se propoña para cada convocatoria.

Nesta Primeira Edición, coordinada polo científico Ignacio Martínez Mendizábal, o tema elixido é: “Evolución e Biodiversidade”, do que, a modo de orientación, indícanse as liñas que poden seguirse para a elaboración dos traballos:

1.- Coñecemento e posta en valor do patrimonio biolóxico e xeolóxico.

Coñecer, valorar, gozar e conservar este patrimonio constitúe o dereito e a obriga de todos os cidadáns. Así, por exemplo, a natureza de Galicia atópase entre as máis ricas e diversas do continente europeo. Desde as montañas e bosques do interior ata as rías e praias do litoral as terras de Galicia encerran un valiosísimo patrimonio biolóxico e xeolóxico que constitúe un dos máis preciosos legados que se transmiten de xeración en xeración.

Por iso, este apartado está dedicado a promover a realización de traballos destinados a documentar cientificamente o valor daqueles elementos biolóxicos e xeolóxicos que revistan un especial interese para o coñecemento e a conservación do patrimonio natural.

Os traballos poderán atender tanto ao estudo de paraxes concretos (bosques, ríos, montañas, rías...) como ao de especies animais e vexetais concretas. 

Os traballos deberán incluír, tamén, unha proposta de actuación para dar a coñecer e protexer os espazos ou especies estudadas.

2.- Estudos sobre a relación entre os factores fisicoquímicos e a biodiversidade.

Os factores físicos e químicos dos ecosistemas determinan de xeito moi importante o número e o tipo de especies biolóxicas capaces de vivir en cada lugar. As actividades humanas poden cambiar os valores dos devanditos factores fisicoquímicos e producir graves alteracións no equilibrio biolóxico dos ecosistemas. Por iso, é moi importante coñecer a influencia dos factores abióticos sobre as especies biolóxicas para modular as actividades humanas e impedir o empobrecemento biolóxico dos ecosistemas.

Nesa liña, este apartado está encamiñado a promover a realización de traballos destinados a establecer e describir a relación entre as variables físico- químicas coas variacións na biodiversidade.

Os traballos deberán incluír unha proposta de actuación para evitar, ou atenuar na medida do posible, os efectos negativos das variacións nos parámetros físico-químicos sobre a biodiversidade nos ecosistemas.

3.- Estudos sobre a Evolución.

A Evolución das especies é, sen dúbida, un dos descubrimentos científicos máis transcendentes da Historia da humanidade. O seu coñecemento permitiunos entender a dinámica da Vida no planeta e tivo un gran impacto cultural ao cambiar drasticamente a nosa forma de entender o lugar do Ser Humano no mundo. Agora sabemos que non somos unha criatura á marxe da Natureza senón que formamos parte dela.

Neste apartado incluiranse traballos destinados a investigar sobre o fenómeno da Evolución e sobre a vida e a obra de científicos que teñan realizado achegas relevantes á Teoría evolutiva ou ao coñecemento da Evolución Humana. Valorarase tanto a profundidade da investigación como a orixinalidade dos aspectos tratados. 

Os traballos deberán incluír unha proposta de actuación para difundir o coñecemento da Teoría da Evolución ou a obra dos científicos escollidos.

4.- Estudos sobre a relación artística entre a Natureza e as persoas.

Entre as xentes e as terras existiu desde sempre unha intensa relación poética. Non é posible comprender a idiosincrasia dun país sen entender a súa estreita relación sentimental coa súa Natureza. Esta relación expresouse historicamente nunha rica diversidade de manifestacións artísticas que forman parte do patrimonio de cada pobo.

Esta liña temática está destinada a coñecer, valorar e enriquecer o patrimonio artístico, promovendo traballos que investiguen e documenten a expresión artística da relación emocional entre as xentes e as terras. Tamén se inclúe neste apartado a realización de traballos artísticos orixinais, en calquera formato, que expresen dita relación.

Os traballos deberán incluír unha proposta de actuación para difundir a obra artística estudada ou, no seu caso, a propia obra artística orixinal elaborada no traballo.

 

CONVOCATORIA

Nesta Primeira Edición, os destinatarios será o alumnado de 5 centros públicos de ensino secundario de Galicia:

-Instituto Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela

- Outros 4 centros, un por cada provincia, elixidos ao chou.

 

CANDIDATOS E PROPOSTAS

 Poderán tomar parte neste certame, de forma individual, o alumnado dos centros citados, que se atope en 4º ESO, 1º e 2º de Bacharelato durante o curso 2016-2017.

Os participantes deberán ser coordinados por un profesor ou profesora do centro ao que pertenzan, que realizará funcións de supervisión dos traballos, responsabilizándose da súa autoría orixinal.

 

ESTRUTURA E CONTIDO

 Recoméndase que en canto a estrutura e contido, se planifique como un traballo de investigación que puidera culminar nun artigo susceptible de ser publicado nas revistas científicas propias da disciplina e/ou ser presentado en congresos científicos, cunha extensión máxima de 20 páxinas,[1] sen incluír resumo, índice e anexos, nas que o/a alumno/a dispoña de espazo axeitado para demostrar os seus coñecementos sobre o estado do problema a investigar; os obxectivos e planeamento do traballo; o material e métodos; os resultados; a discusión, e as conclusións. Non se establecen limitacións no número de figuras e táboas que, no caso de ser necesario, poderían ser incluídas no apartado de anexos.

A estrutura do traballo deberá seguir as pautas habituais das publicacións científicas (APA, ISO690 ou MLA), incluíndo obrigatoriamente un resumo cunha extensión máxima de 300 palabras e un breve texto explicativo en Inglés, a modo de abstract.

 Para os traballos de índole artística, a presentación poderá facerse en calquera formato, pero o autor ou autora deberán entregar unha proposta escrita de actuación para a difusión da súa obra artística; ademais dun resumo da extensión arriba indicada, que serva de explicación das motivacións da obra.

 A realización, presentación e defensa do traballo poderase efectuar en calquera das dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma ou en Inglés.

 

DATAS DE PRESENTACIÓN

Os traballos deberán ser enviados en formato dixital (PDF) á dirección de correo electrónico: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. , indicando no asunto: “Premio de Investigación Stephen Hawking”, antes do 31 de Xaneiro de 2017.  

      

SELECCIÓN DE TRABALLOS E CONCESIÓN DE PREMIOS

  1. De entre todos os traballos enviados, seleccionaranse 20 para ser presentados publicamente o día da entrega dos premios no Instituto Plurilingüe Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela. A tal efecto os aspectos mais salientables do seu traballo recolleranse nun póster que non deberá exceder o tamaño A0 (841 mm x 1189 mm), con orientación vertical. O título do póster deberá ser o mesmo que o do traballo presentado. Previamente a celebración da xornada de presentación, o autor ou autora deberán enviar á organización, a versión reducida do póster en PDF e tamaño A4.
  2. Os traballos de índole artística serán presentados no formato elixido polo autor/a.
  3. Se elixirán non mais de 8 traballos finalistas entre os 20 seleccionados e os seus autores deberán realizar unha presentación da súa investigación fronte ao Xurado do premio na maña do dia da entrega de premios. A devandita exposición non poderá ser superior aos 10 min. Finalizada a mesma poderán ser preguntados polo Xurado sobre calquera aspecto de interese sobre o seu traballo. Ademais deberán entregar un vídeo, non superior aos 3 min, onde fagan un breve percorrido polas motivacións, metodoloxía e conclusións do traballo realizado.
  4. Ao remate da presentación dos traballos o Tribunal deliberará sobre a concesión dos premios. O resultado das deliberacións recollerase na Acta de concesión do Premio Stephen Hawking. A resolución farase pública no acto de entrega do premio que terá lugar ese mesmo dia pola tarde no Auditorio do Instituto Plurilingüe Rosalía de Castro.
  5. O xurado pode declarar deserto algún dos premios.
  6. Os participantes declinan calquera tipo de reclamación fronte a resolución do xurado.
  7. Unha copia en formato electrónico dos traballos quedará depositada nos Centros participantes para o seu arquivo e consulta, e poderán ser utilizados para usos docentes e de investigación, sempre coa mención específica aos seus autores.

 

PREMIOS

  • 1º Premio Stephen Hawking de Investigación Científica e Divulgación
  • 2º Premio Stephen Hawking de Investigación Científica e Divulgación
  • 3º Premio Stephen Hawking de Investigación Científica e Divulgación

 

     MAQUETACIÓN

Traballo de Investigación.

Consistirá nun resumo en galego, español ou inglés, do traballo orixinal de investigación en formato PDF, que deberá axustarse en canto a formato, estrutura, contido e extensión ás seguintes especificacións:

1º A portada, que non contabiliza entre as 20 páxinas do traballo, debe conter o título do traballo, o nome do autor/a ou a, o nome do coordinador/a de o traballo, o do centro docente onde se levou a cabo e o nivel do curso no que foi realizado.

2º Breve resumo de non mais de 300 palabras. Non contabiliza entre as 20 páxinas do traballo. Debe incluír unha breve explicación dos obxectivos, metodoloxía e conclusión do traballo

3º A continuación irá o índice, con indicación dos diferentes epígrafes ou seccións do traballo e a súa paxinación. Non contabiliza nas 20 páxinas do traballo.

4º O traballo de investigación/divulgación. Un máximo de 20 páxinas de texto. O texto escribirase en letra Times New Roman de corpo 12, con interliñado sinxelo. Articularase conforme á seguinte estrutura:

  • Breve abstract en inglés.
  • Introdución (introdución ao tema e motivación).
  • Antecedentes (estado da cuestión e investigacións previas sobre o tema).
  • Hipótese de traballo e obxectivos da investigación.
  • Materiais e métodos
  • Resultados (presentación dos datos e/ou resultados obtidos mediante a investigación realizada, así como discusión e valoración dos datos e/ou resultados obtidos).
  • Conclusións.
  • Agradecementos (ás persoas ou institucións que colaboraron na realización do traballo).
  • Bibliografía e webgrafía (referencias bibliográficas e páxinas web consultadas; as referencias bibliográficas consultadas deben ser citadas no texto onde proceda mediante calquera dos seguintes estilos: APA, ISO690 ou MLA).
  • Anexos: para incluír figuras, táboas, debuxos, fotografías…Ata un máximo de 10 páxinas, que non computan no número de 20 páxinas do límite do traballo.

 

 

Boletín de Novas

Suscríbete ao noso boletín de novas e mantente informado ao momento.

Contacta con nós

Nuestros datos de contacto son los siguientes:.

O Rosalía nas Redes Sociais

Estamos en las redes sociales. Síguenos!.
Vostede está aquí: Inicio Novas e Eventos PREMIO STEPHEN HAWKING