PREMIO BENTO SPINOZA DE ENSAIO
Este premio vai ter como Presidente do Comité organizador ao prestixioso investigador e ex reitor da Universidade de Santiago, D. Carlos Pajares. Este Comité seleccionará un máximo de 5 ensaios publicados no ano en curso e alumnos de catro institutos galegos máis o noso seleccionarán o mellor ensaio do ano.
Apostamos con este Premio pola reflexión e o fomento do espírito crítico dos nosos alumnos ao mesmo tempo que reivindicamos un persoeiro inxustamente ignorado na nosa cultura.
Este premio tamén pretende ser o noso humilde homenaxe tanto a Lucy coma ó seu pai e terá sempre unha data ben definida de creación e presentación: a estancia de Lucy e Stephen Hawking en Santiago de Compostela e, en particular, no noso Instituto, dúas persoas que por diferentes razóns teñen un significado extraordinario tanto no campo da investigación como da divulgación científica.
Este premio vai levar o nome de Bento Spinoza, algúns preferirán Baruch Spinoza, pero o nome co que primeiramente está inscrito é Bento, e Baruch é a súa tradución ó hebreo.
¿por qué Bento Spinoza?
Por tres razóns fundamentais:
A primeira é de orden científico, Spinoza é o pensador máis extraordinario dun século extraordinario, o XVII, no que se estableceron, como di Damasio, as bases do mundo moderno: Shakespeare, Bacon, Cervantes, Hobbes, Descartes, Pascal, Kepler, Leibnitz, Newton, etc, un século fabuloso. E Spinoza participou de todo ese florecer filosófico e científico ao mesmo tempo que residía no lugar onde a vivencia, eu diría o disfrute, dese momento esplendoroso era posible: Amsterdam, a Haia, cidades claves do que hoxe chamamos Holanda.
A segunda razón é de orden ética, Spinoza é un pensador plenamente introducido no século, e nos debates que nese momento facían “furor” en Holanda e nos principais centros neurálxicos da Europa de entón. Spinoza é expulsado dunha forma radical da comunidade xudea aos 24 anos polas súas ideas, ideas que cuestionaban tanto a ideoloxía dominante da Comunidade Xudea coma as bases do sistema político da Europa do momento.
Spinoza vivirá sempre modestamente dedicado a reflexión e a escritura participando activamente no debate permanente no que se encontra a sociedade holandesa do XVII.
Son dúas razóns importantes pero non suficientes para xustificar o nome de Spinoza nun premio aquí en Galicia, en Santiago de Compostela, na península ibérica.
A razón última e a razón principal é a seguinte: Como todos saben discútese cales son as orixes de Spinoza, se o norte de Portugal, se a provincia de Ourense na que existiu e existe unha estirpe importante de “Epinosas”, e os seus orixes galegos podense consultar nos arquivos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense do 1904 .
Certamente Spinoza é orixinario dunha familia da península que posiblemente estivo afincada en Ourense e que por mor da Inquisición primeiro termina no norte de Portugal e despois emigra a Amsterdam vía Nantes.
E ademáis o que non deixa ningún lugar a dúbidas é cal era a lingua propia de Spinoza despois de consultar tres libros, Spinoza de Nadler, Spinoza e o seu círculo de Meinsma e En busca de Spinoza de Damasio.
A primeira lingua de Spinoza e o galego – portugués, é a súa segunda lingua o castelán, como sucedía con toda a comunidade xudea afincada en Amsterdam no século XVII. Spinoza non dominaba o holandés escrito, segundo el mesmo recoñece, tampouco o hebreo, e o latín que estuda a partir dos 20 anos para poder acercarse aos textos filosóficos. Non esquezan que Descartes, o filósofo de moda, reside en Holanda tamén e é o latín a lingua na que están escritas as obras de filosofía tanto de Descartes como de Spinoza.
Así pois, ¿cómo é posible que un filosofo da dimensión de Spinoza que ten como 1ª lingua o galego - portugués e como 2ª o castelá sexa o gran ignorado, o gran ausente da cultura non digo xa galega senón de toda a península ibérica? A historia depáranos ás veces sorpresas como esta.
Reclamar a Spinoza como un dos grandes da nosa cultura, reclamalo a través dun Premio de lectores mozos é tamén a aposta deste Premio de Ensaio que vai levar o seu nome Bento.
Con este premio esperamos ver a Ética e as outras obras de Spinoza traducidas a lingua galega e estudadas polos nosos alumnos. Esperamos que os nosos alumnos e tamén todos os alumnos da península ibérica se sintan orgullosos de que un dos grandes filósofos da humanidade tivera como 1ª e 2ª lingua as linguas máis faladas da península.
Respecto da importancia de Spinoza na actualidade reclámanse da súa filosofía as teorías da emoción e dos sentimentos, e de modo moi especial fano persoeiros como Freud, Lacan que compara a súa expulsión do movemento psicanalítico internacional coa expulsión de Spinoza da comunidade xudea, Deleuze e neurobiologos como o americano Damasio ou o francés Changeux e tamén científicos como o mesmo Einstein.
I Premio de Ensaio Bento Spinoza de Ensaio

Ensaios finalistas do I Premio de Ensaio Bento Spinoza:
El retorno de la economía de la depresión y la crisis actual, de Paul Krugman
Mal de escola, de Daniel Pennac
El gozo intelectual, de Jorge Wagensberg
La pasión del poder, de José Antonio Marina
Yo soy un extraño bucle, de Douglas R. Hofstadter
El miedo a los bárbaros, de Tzvetan Todorov
Ao final do infinito, de Basilio Lourenço Fondevila
O Xurado estivo formado por alumnos dos institutos:
IES Nº 1 de Riveira (A Coruña)
IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz (Lugo)
IES María Soliño de Cangas (Pontevedra)
IES Xesús Ferro Couselo do Ourense
IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela
O fallo deste premio tivo lugar o 30 de Novembro e o resultado foi:
Mellor ensaio Mal de escola, de Daniel Pennac
II Premio de Ensaio Bento Spinoza de Ensaio
Ensaios finalistas do II Premio de Ensaio Bento Spinoza:
As novelas da memoria de John Thompson Ed. Galaxia
Redes Complejas de Ricard Solé Ed.Tusquets
Romanticismo de Rüdiger Safranski Ed.Tusquets
Viaje extraordinario al centro del cerebro de Jean- Didier Vincent Ed. Anagrama
Las experiencias del deseo de Jesús Ferrero Ed.Anagrama
O Xurado estivo formado por alumnos dos institutos:
IES Xulián Magariños de Negreira
IES Allariz de Allariz
IES do Castro de Vigo
IES Perdouro de Burela
IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela

O fallo deste premio tivo lugar o 20 de Xuño de 2011 e o resultado foi:
Mellor ensaio:
Viaje extraordinario al centro del cerebrode Jean- Didier Vincent Ed. Anagrama
O 23 de noviembre do 2011 ás 20 horas no Salón de Actos do Instituto
Rosalía de Castro entregouse o II Premio Bento Spinoza de Ensaio a Jean
Didier Vincent por su obra: Viaje extraordinario al centro del cerebro


|